25 de novembro 2019

Este ano decidimos facer un manifesto de rexeitamento das distintas manifestacións da violencia machista con motivo do 25N cuxo contido fose extensivo ao resto dos meses do curso. Daquela, decidimos seleccionar unha serie de enunciados significativos para poñer nas escaleiras de aceso ás aula da ESO. Este foi o resultado:

Manifesto 25 de novembro 2019

No marco das actividades realizadas con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista, o IES de Vilalonga suma a súa voz ás concentracións que teñen lugar hoxe en outros tantos centros de ensino do país, en rexeitamento contra a barbarie que representa a violencia machista.

A ONU recoñece a violencia contra as mulleres como unha manifestación das relacións de poder historicamente desiguais entre homes e mulleres e que impide a igualdade plena das mulleres, sinalando á violencia como un dos mecanismos que mantén esta situación de subordinación.

Segundo estatísticas oficiais un 75% das mulleres e nenas do mundo son vítimas da violencia física ou sexual no transcurso das súas vidas. En España foron asasinadas máis de 1400 mulleres dende 1995 e só neste ano houbo 90 feminicidios, 51 segundo o reconto oficial. Estes casos representan só a punta do iceberg posto que existe moitos fogares onde a violencia é o comportamento habitual. Ademais, 41 menores quedaron horfos a causa da violencia machista e dous nenos foron asasinados polo seu pai.

O alumando e profesorado que hoxe nos damos cita aquí queremos manifestar o noso apoio e solidariedadecoas familias das mulleres asasinadas e o noso compromiso para loitar por unha sociedade verdadeiramente xusta e igualitaria na que as mulleres teñamos recoñecidos, dunha forma efectiva e real, os mesmos dereitos dos que gozan os homes.

Convencidas de querer darlle a volta a esta situación, elaboramos un decálogo de principios que se expoñen dende hoxe nas escaleiras de acceso ás nosas aulas e que recollen algunha das nosas reivindicacións:

  • Queremos que unha sociedade xusta na que todas e todos teñamos as mesmas posibilidades e oportunidadesde crecer e ter un proxecto de vida que nos permita desenvolvernos como persoas libres e iguais.
  • Queremos dicir sen medo, sen eufemismos e con contundencia que SOMOS FEMINISTAS, porque é do feminismo de onde parte a loita polos dereitos das mulleres pero sobre todo o principio do recoñecementos da igualdade de todos e todas.
  • Queremos ter referentes femininos en matemáticas, historia, bioloxía... porque sabemos que foron silenciados e hoxe deben ser recoñecidas non só por elas senón tamén por nós, porque son a imaxe do que queremos ser.
  • Pensamos que "As profesións non teñen xénero" porque todas as persoas somos quen de facer o que nos propoñamos. Porque aquí, estudamos as médicas, as enxeneiras e as científicas do futuro.
  • Sabemos que "Compartir os espazos, únenos", porque compartir experiencias, enriquecer momentos, fainos estar máis próximas e romper teitos.
  • Eu agardo de ti, nós agardamos de ti, SORORIDADE! porque sei que non es cómplice e porque terte ao meu lado dáme o poder para acabar coa violencia que está á espreita.
  • Rexeitamos os comportamentos e contidos sexistas porque é o xeito de non perpetuar estereotipos e de deixar de ser cómplices.
  • Queremos unha educación coeducadora en valores igualitarios e respectuosos coas diversidades, que garanta o empoderamento das nenas e nenos para poder establecer relacións de
  • Sabemos que "O camiño para avanzar cara á igualdade é a educación" porque só o coñecemento nos fai libres e polo tanto, iguais.
  • Queremos que os nosos profesores e profesoras se formen dende unha perspectiva de xénero e nos ensinen por igual porque só así podemos chegar a ser iguais.
  • Queremos que os homes, alumnos e profesores, fagades autocrítica e desaprendades o machismo, porque necesitamos que sexades os nosos aliados, imprescindibles para acadar unha mundo xusto e igualitario.
  • Queremos un instituto inclusivo con toda a diversidade, na que as nosas relacións estean baseadas no respecto e na igualdade.
  • Queremos que todas as nosas familias: ben sexan homoparentais, como adoptivas, monoparentais ou calquera outro tipo de familia diversa, sexan igualmente benvidas ao noso centro.
  • Queremos convivir nun centro de ensino que nos facilite un espazo libre para as diferentes expresións de xéneroonde se adopten as medidas necesarias para eliminar a idea de superioridade de calquera orientación ou identidade de xénero e se visibilice o respecto da diversidade sexual e de xénero, non sendo esta unha opción senón unha esixencia recollida no ordenamento xurídico vixente.
  • Consideramos que debemos prohibir a LGTBIfobia e todo tipo e odio ao diferente porque todas as persoas somos, por riba de calquera diversidade, iso, persoas, e como tal debemos ser respectadas e tratadas en igualdade.
  • Cremos que "O natural é a diversidade afectivo sexual" porque todos e todas somos diversos en cada unha das nosas facetas como persoas e no recoñecemento e respecto pola diversidade afectivo sexual está a base da convivencia social.
  • Non queremos ser "Nin campións nin princesas... querémonos libres de estereotipos de xénero!, a historia clasificounos e nos desmontamos os prexuízos para sermos libres e iguais.
  • Nós "Non somos cómplices da violencia machista" estamos aquí e na rúa para denunciar e convidar a non mirar ao outro lado.
  • "Aquí respectamos os dereitos e liberdades fundamentais das persoas" porque esa é a base da nosa igualdade.
  • Queremos que os centos de asasinatos de mulleres non queden nunha estatística cruel, senón que se poña en práctica todos os medios de educación e prevención que poñan fin aos feminicidios. Querémonos, pois, "Vivas, libres e iguais".

Somos unha xeración activa e concienciada, disposta a manternos unidas, diversas e combativas ata acadar a igualdade efectiva e real. Farémolo porque o Feminismo e a Diversidade veu para quedarse e nós, esta nova xeración que somos todas e todos nós, seremos quen facer frente ao machismo.

En Vilalonga, 25 de novembro de 2019

© 2019/20. IES de Vilalonga - Sanxenxo (Pontevedra), 36990
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar