Sobre nós

O noso centro
O IES de Vilalonga ven apostando pola igualdade nos útimos anos con obxecto de desenvolver os valores que fomenten a igualdade efectiva entre os nosos alumnos e alumnas, así como previr calquera manifestación da violencia machista nas nosas aulas.
Aínda que o tratamento destes valores é transversal abórdase de maneira específica na materia de Igualdade de Xénero para o alumnado de 2º da ESO.
Coordinación de Igualdade IES de Vilalonga

O equipo de Igualdade do IES de Vilalonga traballa para conseguir un centro coeducativo, libre de discriminación e respectuoso con todas as diversidades, no que todos e todas as estudantes teñan o mesmo dereito a unha educación de calidade nun ambiente escolar seguro.
Os obxectivos da coordinación de Igualdade para o curso 2021-22 son:
- Velar pola igualdade entre mulleres e homes no centro educativo.
- Promover o libre desenvolvemento da personalidade de cada persoa.
- Impulsar medidas educativas que fomenten a igualdade real entre homes e mulleres.
- Promover e impulsar medidas educativas que fomenten o respecto pola diversidade afectivo-sexual, familiar e de identidade de xénero.
- Dinamizar a resolución pacífica de conflitos en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social.
Proxecto educativo 2019/20
Esta web é unha das canles que empregaremos durante este curso para difundir as actividades do proxecto de igualdade e diversidade que implementaremos na materia optativa Igualdade de Xénero de 2º da ESO co título: Son como quero! Medrando sen estereotipos de xénero.
Dende a práctica coeducadora, este proxecto busca desenvolver as habilidades relacionadas coa procura, tratamento e valoración crítica da información, así como dinámicas enfocadas ao traballo colaborativo que favorezan a convivencia positiva no espazo escolar, o que permite o tratamento integral da educación emocional, das habilidades sociais e comunicativas e de todos aqueles elementos necesarios para saber convivir e relacionarse, tal e como contempla o currículo da materia Igualdade de Xénero de 2º ESO.